CRTVG

Buscar

Condutores temerarios e redes sociais: un perigo para todos

Publicado o 06/08/2019 14:27

Hai veces en que as cámaras serven para denunciar temeridades alleas. Como a do condutor drogado marcha atrás por Vigo adiante ou a do kamikaze polo corredor do Morrazo sen que lle importara adiantar e adiantar con dobre liña continua.

Pero tantas outras veces as cámaras úsanse para alardear das temeridades propias. Como a do camioneiro de Sanxenxo tan orgulloso de conducir con evidente perigo para el e para os demais.

Mesmo hai quen subiu á rede fazañas como conducir por Soria co fillo de 4 anos de pé, sen suxeitar, entre os asentos dianteiros. Ían a 190 mentres o temerario se gravaba.

En ocasións quen grava é o copiloto. Ou quen se fai pasar por copiloto. Caso do estudante francés de 20 anos que conducía dende o asento do copiloto, cunha soa man, pola autoestrada. Acabouse entregando nunha comisaría de Barcelona.

Un mozo de 22 anos detido en Cuenca por ir a 240 quilómetros hora tamén colgara as imaxes na Rede.

Outro condutor de 39 anos circulaba por Madrid, atención, a 300 por hora. Gravouse para publicitar a súa tolemia e tamén a do outro que o adiantaba nunha carreira ilegal.

Trompos, derrapaxes e mesmo unha persoa no teito do vehículo, no aparcadoiro do Wanda Metropolitano.

Malia os dous anos de cárcere que pode implicar a condución temeraria, seguen aparecendo máis vídeos na liña do humor macabro dos bombeiros cántabros que xogan a ser Superman sacando medio corpo do coche ou do motorista arxentino que conducía completamente estirado e cunha soa man.

Humor macabro porque na estrada ninguén é Superman, nin os condutores temerarios de redes sociais nin os demais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019