CRTVG

Buscar

Un condutor é sancionado por doce motivos tras paralo a Policía Local en Pontevedra

Publicado o 30/03/2021 14:19

A Policía Local de Pontevedra viviu unha experiencia cun condutor inédita porque cada paso que daban na inspección do caso foi motivo de denuncia. O protagonista, un home de 41 anos que ía ao volante dun Audi o domingo á tarde pola rúa Domingo Fontán. Danlle o alto e empeza a restra de multas.

Manuel Omil, voceiro da Policía Local de Pontevedra explica: "Este home trata de identificarse co nome doutro, dun irmán. Os policías danse conta de que non é así e, de feito, instrúese unha dilixencia ao xulgado cun delito penal por conducir con perda de vixencia do permiso de condución. Iso é un delito. Pero logo a partir de aí vanlle pedindo papeis e inspeccionando o vehículo van detectando máis infraccións. Primeiro, sométese á proba de alcol e drogas. Dá positivo en opiáceos e cocaína. Posteriormente compróbase que o coche non ten pasada a ITV, que as rodas non cumpren coa normativa, nin sequera a de recambio, que levaba unha pequena cantidade de droga, que levaba un par de armas brancas no coche. En fin, unha serie de infraccións que ocasionaron esa ducia de denuncias".

No coche ían dúas persoas no conviventes e sen máscara, polo que caeron outras dúas sancións. Con todo, a tarefa levou gran parte da tarde. O coche acabou inmobilizado. Ao denunciado no lle van chegar 4.000 euros para saldar a tarde deste domingo pasado.

"Aproximadamente entre 4.000 e 6.000 euros o que poderían ser todas as infraccións. Sen esquecer que hai un delito que neste caso está para ser xulgado e cunha sentenza que no seu día ditará o xuíz", engade Omil.

Iso si, o coche tiña o seguro en vigor e os ocupantes levaban posto o cinto de seguridade.

Noticias web

30/03/2021