CRTVG

Buscar

Conduce en sentido contrario e a gran velocidade nunha rúa de Rianxo

Publicado o 09/07/2020 13:50

Un mozo de 28 anos circulou uns 200 metros en dirección contraria e a gran velocidade por unha rúa urbana de Rianxo, na provincia da Coruña, onde o límite é de 50 quilómetros por hora. Un acompañante gravou parte do percorrido e colgouno na Internet, o que permitiu localizar o vehículo e o condutor.

Aínda se pode ver no asfalto desta rúa de Rianxo a marca que deixaron as rodas dun coche que saíu á calzada a toda velocidade, malia que a infracción ocorreu hai xa varios días, na madrugada do 22 de xuño. Veciños das casas lindantes din que o ruído foi tan forte que os espertou, e a policía asegura que foi unha condución temeraria.

"Esta marca o que indica é unha condución moi perigosa porque está deslizando as rodas sobre o asfalto uns 50 ou 60 metros, e iso denota que era unha conducion moi perigosa. Invadindo o sentido contrario, collendo unha rotonda tamén en sentido contrario e a gran velocidade. Superaba a velocidade máxima da vía con creces, vamos", explica José Ramón Rial, voceiro da Policía Local de Rianxo.

O condutor, un home de 28 anos, ía con outro viaxeiro que gravou desde dentro parte do percorrido, o que permitiu á policía localizar o vehículo o pasado 2 de xullo.

"Localizouse o vehículo e, unha vez que se falou con el, compareceu voluntariamente en dependencias policiais e recoñeceu que fora el o condutor dos feitos citados. Tramítase unha denuncia administrativa por condución temeraria que implica unha sanción de 500 euros e retirada de seis puntos no permiso de conducir", di o voceiro policial.

O rapaz non é de Rianxo, aínda que si da comarca do Barbanza e non tiña antecedentes por infraccións de tráfico graves.

Noticias web

09/07/2020