Condenan un garda civil por conducir ebrio antes dunha liorta cos moróns
A vista celebrouse nos xulgados da Parda baixo fortes medidas de seguridade con axentes desprazados da comisaría de Vigo e de Pontevedra. Saúl Giménez, membro do coñecido como clan dos moróns, tiña que comparecer como acusado pola súa presunta implicación nunha liorta na súa casa familiar en Tomiño. Xunto a el, no banco dos acusados, José Antonio Pérez e Antonio Pimentel, o garda civil e o axente forestal implicados nesta pelexa que se remonta a abril de 2014.
Daquela, segundo o escrito da acusación, os dous axentes presentáronse nesta vivenda armados cunha pistola para, supostamente, cobraren unha débeda. A Fiscalía solicitaba para os tres un ano e medio de prisión por diferentes lesións e ameazas. As testemuñas citadas, entre as que se atopaban Sinaí e Flora Giménez, negáronse a declarar alegando ser familiares dun dos implicados. Un dereito ao que tamén se acolleron os acusados.
Os tres quedaron absoltos dos delitos que se lle imputaban por falta de probas, xa que, segundo o maxistrado, o parte de lesións existente é insuficiente para probar os feitos e manter a causa. A única pena imposta foi para o axente da Garda Civil. Estaba acusado dun delito contra a seguridade viaria, xa que fora interceptado conducindo baixo os efectos do alcol pouco antes da liorta. Deberá aboar unha multa de 720 euros e non poderá conducir durante oito meses.
A vista comezou con catro persoas no banco dos acusados pero, nada máis comezar, Juan Paulo Gimenez abandonouno. A Fiscalía non formulaba acusación contra el e a acusación retirouna. As partes confirmaron que non recorrerán a sentenza.