CRTVG

Buscar

Condenan o Estado a indemnizar un recluso agredido por outro preso en Teixeiro

Publicado o 08/10/2019 12:02
Condenan o Estado a indemnizar un recluso agredido por outro preso en Teixeiro

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou o Estado a indemnizar con 11.640 euros un preso agredido por outro recluso no cárcere de Teixeiro por omitir a situación de risco que presentaba o atacante e non prever as necesarias medidas de seguridade.

A Sala do Civil e Penal do Alto Tribunal galego estima en parte o recurso interposto por este interno e condena ao Estado para abonar a indemnización que fixou na súa sentenza a Audiencia Provincial da Coruña, segundo fontes do TSXG.

No ditame de primeira instancia o sospeitoso foi castigado con tres anos de prisión por propinarlle unha "fortísima puñada" na cara ao seu compañeiro cando lle esixiu "de malos modos" que lle deixase sitio nun banco.

A vítima sufriu como consecuencia do golpe unha fractura na mandíbula e a perda de varias pezas dentais, polo que o procesado foi condenado a abonarlle unha indemnización de 11.640 euros. A Audiencia absolveu a Dirección Xeral de Institucións Penais de responder subsidiariamente desa suma.

Con todo, o TSXG advirte na súa resolución de que o acusado, no momento da comisión dos feitos, presentaba "un trastorno explosivo intermitente da personalidade e un trastorno adaptativo con alteración mixta das emocións e o comportamento". Esta circunstancia, argumenta, "debeu ser debidamente detectada polos servizos penais correspondentes", pois "entraña inequivocamente unha situación de risco".

"A Administración si quebrantou os especiais deberes impostos pola normativa, pois a debida observación do interno, a constatación da súa especial condición psíquica e, en definitiva, o risco que a anterior crea, deberon ser oportunamente ponderadas para, ou ben determinar un maior illamento ou ben establecer unhas medidas de seguridade de tal relevancia que conxurasen o perigo que o interno presentaba", destaca o alto tribunal galego.

Os xuíces conclúen que a agresión produciuse "pola omisión das medidas adecuadas que a observación e cualificación do agresor merecía", polo que "pode falarse de infracción regulamentaria".

En canto ao segundo motivo do recurso presentado pola acusación particular, que demandaba unha maior indemnización, e que foi rexeitado, o TSXG indica que a sentenza apelada "valora adecuadamente as lesións e secuelas que afectan a vítima dos feitos axuizados".