CRTVG

Buscar

Condenan o acusado de abusar de catro sobriñas só por un dos delitos, ao prescribiren os outros tres

Publicado o 30/10/2019 12:14

• A Audiencia de Lugo imponlle unha pena de oito anos e medio

• A pesar de librarse de tres acusacións, o tribunal destaca os "dolorosos testemuños" prestados por todas as mozas que "son inequívocos e non deixan lugar a dúbidas"

Condenan o acusado de abusar de catro sobriñas só por un dos delitos, ao prescribiren os outros tres

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a oito anos e medio de cárcere un home por abusar dunha sobriña política. O tribunal considerouno autor dun delito de abuso sexual mediante acceso carnal a menor de trece anos e, ademais da pena de prisión, impúxolle cinco anos de liberdade vixiada, o pagamento dunha indemnización a vítima de 30.000 euros e a prohibición de comunicarse e aproximarse a ela durante trece anos.

O sospeitoso estaba acusado de abusar doutras tres sobriñas políticas, pero foi absolto porque os feitos prescribiron, tal e como indican os maxistrados na sentenza. Os xuíces, con todo, sinalan que os "dolorosos testemuños" prestados por todas as mozas "son inequívocos e non deixan lugar a dúbidas". O tribunal destaca que "de ningunha das maneiras se pode entender que se trate dunha manobra orquestrada, como pretende o acusado, que falou dunha man negra, pero sen concretar en que se podía basear esa conxura".

"Como se puxo de manifesto de maneira inequívoca na sala, a relación entre as familias era de gran proximidade e familiaridade e o único que sucedeu, como puxeron de manifesto as mozas, foi que unha delas comezou a falar do sucedido anos antes e as demais tamén comezaron os seus respectivos e similares relatos", salientan os xuíces na resolución.

Na sentenza tamén destacan que os abusos polos que foi condenado cometeunos "desde cando a vítima tiña poucos anos, sen precisar, e ata o límite dos doce anos, todos en similares ocasións e con similares comportamentos".