CRTVG

Buscar

Condenan en Vigo a 21 anos de cárcere o acusado de sedar cinco homes para roubalos

Publicado o 16/10/2020 16:30
Condenan en Vigo a 21 anos de cárcere o acusado de sedar cinco homes para roubalos

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 21 anos de cárcere un home por roubar cinco persoas coas que se citou a través dunha páxina de contactos.

O tribunal considera acreditado que, unha vez que se atopaba cos afectados, botáballes nas súas bebidas unha substancia que lles provocaba somnolencia e mareos, entre outros síntomas, o que aproveitaba para roubalos.

Os xuíces considerárono culpable de cinco delitos de roubo con violencia, catro deles en casa habitada, e un de estafa. Ao acusado de recibir e vender os obxectos roubados a Audiencia impúxolle dous anos de prisión por cometer un delito de receptación.

Os maxistrados aseguran na sentenza que carecen de dúbida ningunha de que o acusado cometeu os feitos utilizando o mesmo modus operandi.

"As vítimas, debido ao estado de aletargamento ou de diminución das súas capacidades superiores no que se atopaban, ningunha oposición viñan mostrar, máis que a propia do seu propio estado de inconsciencia", sinalan.