Condenan a Unión Fenosa e a Gas Natural por conduta abusiva por facturar con consumos estimados
A Audiencia Provincial da Coruña condena a Fenosa e a Gas Natural, ambas do grupo Naturgy, por facturar a luz sobre consumos estimados. A xustiza considera que elaborar as facturas a ollo, sen aplicar a lectura real do gasto enerxético, supón unha práctica abusiva. A sentenza tamén prohíbe ás eléctricas cobrarlles aos seus clientes polo alugueiro dos contadores sen informalos antes dese gasto. Teñen tres meses para frear este tipo de prácticas. Se non o fan nese tempo, terán que pagar unha multa de 40.000 euros por cada día de atraso.
Xoán Antón Pérez Lema, Secretario da Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia: "Tanto a electricidade coma o gas, non se pode facturar por consumo estimado. Teñen que facturar o consumo real".
O proceso orixinouse nunha demanda formulada pola Fiscalía en que se exercitaba unha acción colectiva contra estas dúas empresas que forman parte dun mesmo grupo empresarial que opera no sector eléctrico. Unión Fenosa exercía a distribución de enerxía eléctrica e Gas Natural de empresa comercializadora, polo que se encargaba de mandar as facturas aos seus clientes cos datos facilitados pola distribuidora.
A demanda fundamentábase en que a distribuidora incumprira de forma reiterada a obriga de efectuar as lecturas dos consumos eléctricos reais dos clientes, o que determinaron que a firma comercializadora facturase mediante valores estimados máis aló do prazo de dous meses permitido pola normativa sectorial aplicable. Ademais e a pesar de emitir facturas en que non se incluía o consumo real, seguía cobrando o alugueiro do contador aos consumidores e en ningunha factura se informaba sobre os motivos concretos polos que levaba a cabo esta práctica.
Na sentenza declárase abusiva a conduta consistente en non efectuar as lecturas de consumo real de electricidade e tamén a de emitir e mandar facturas que inclúan consumos de electricidade estimados. Tamén se declara abusivo o cobro do alugueiro do contador nas facturas con consumos estimados e a ausencia de información das razóns polas que non se tivo en conta o consumo real. Disto modo, dáse a razón ao Ministerio Fiscal, que advertiu do claro desequilibrio entre os dereitos e obrigacións das partes.
Fontes de Naturgy trasladaron a Europa Press que presentarán recurso contra este ditame "por temas de formas" e consideran que existe "unha interpretación incorrecta" da regulación do sector eléctrico. Así mesmo, aseguran que o ditame unicamente implica unha advertencia e fixa a cantidade da sanción en caso de que no futuro se estimase ou facturase alugueiro á marxe dos supostos que establece a lexislación. "Sempre cumpriu os casos legalmente previstos", resolven.