Condenan a tres meses de cárcere un ladrón por lesionar un vixilante de seguridade
A Audiencia da Coruña condenou a tres meses de cárcere un individuo que intentou roubar diversos produtos nun supermercado da empresa Gadis no polígono de Pocomaco, na Coruña. Ía con outro delincuente que xa faleceu. Ao ser sorprendidos polos vixilantes, deixaron o que roubaran e intentaron fuxir nun coche co que lesionaron un dos gardas.
"Cando lles digo que están retidos mentres non chega a policía, un sobe nun coche e o outro forcexa comigo. Arrancaron e case me levan por diante co coche", relatou Juan Carlos Yáñez, vixilante de seguridade.
El sufriu unha rotura de ligamentos nun xeonllo e estivo de baixa tres meses e medio. A súa avogada aceptou o acordo negociado co fiscal e a defensa do procesado que rebaixa considerablemente a petición inicial de cinco anos de prisión.
"Existiu un delito de roubo pero non coa gravidade que se presetou por parte do Ministerio Fiscal. O propio fiscal entendeu que non era un feito tan grave", afirma Joaquín de la Vega, avogado da defensa.
A sentenza establece que o condenado deberá indemnizar con 9.000 euros o vixilante, pero hoxe declarouse insolvente. Está en prisión e conta con numerosos antecedentes e condenas por feitos similares.