CRTVG

Buscar

Condenan a Torra a ano e medio de inhabilitación polos lazos amarelos

Publicado o 19/12/2019 19:15
Condenan a Torra a ano e medio de inhabilitación polos lazos amarelos

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña condenou a ano e medio de inhabilitación ao presidente da Generalitat, Quim Torra, por desobedecer a orde da Xunta Electoral Central de retirar os lazos amarelos dos edificios públicos en período electoral.

Na súa sentenza, a sala civil e penal do TSXC condena a Torra pola súa "recalcitrante e reiterada actitude desobediente" ao non acatar as resolucións da Xunta, o que á súa parecer é mostra dunha "vontade consciente e unha disposición anímica inequívoca" de contravir os mandatos da autoridade electoral, do que o presidente fixo "alarde público".

A condena de inhabilitación non é aínda firme, dado que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, polo que a sentenza non implica que Torra sexa apartado do seu cargo de presidente da Generalitat de forma inmediata. 

A sentenza cita a súa "reiterada actitude desobediente" por manter pancartas e lazos amarelos en edificios públicos durante a campaña electoral. Ademais da inhabilitación condénao a pagar unha multa de 30.000 euros. Torra considera que é unha sentenza inxusta e pídelle ao Parlamento catalán que o ratifique no seu posto.

Quim Torra, presidente da Generalitat: "É unha porta aberta á desmesura, ao autoritarismo, e contra a liberdade de expresión".