CRTVG

Buscar

Condenan a 21 anos o home que tentou asasinar en Foz a ex-parella e o fillo dela

Publicado o 03/03/2020 16:38
Condenan a 21 anos o home que tentou asasinar en Foz a ex-parella e o fillo dela

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a 21 anos e nove meses de cárcere a un home que en marzo de 2018 tentou asasinar a súa ex-parella e ao fillo da muller en Foz. Ademais, foi sentenciado á prohibición de residir ou acudir á localidade lucense, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.  

O imputado, segundo consta na sentenza, "non aceptaba a separación" da súa compañeira sentimental e "con ánimo de acabar coa súa vida e a do seu fillo menor de idade", accedeu ao domicilio de Foz no que residían. Unha vez alí, abriu as bombonas de gas butano e o catro fogóns da cociña, o quentador e a estufa de gas, "con coñecemento e con vontade de que coa súa actuación produciríalles a morte cando chegasen á vivenda".  

O tribunal destaca que o sospeitoso non conseguiu o seu propósito porque cando a súa ex-parella chegou ao inmoble percibiu o forte cheiro a gas, polo que "non accionou a chave da luz nin acendeu o cigarro que tiña por costume ao entrar na cociña".  

Ese día o menor non se atopaba na vivenda porque se quedou cos seus avós. O tribunal, ademais das penas de prisión, prohibiu ao sospeitoso comunicarse e aproximarse á súa ex-moza durante 18 anos e, ao fillo da muller, durante 9 anos.

Ademais de por dous intentos de asasinato, o home foi sentenciado como autor dun delito de roubo con forza en casa habitada, danos e quebrantamento de condena.  

Os maxistrados consideran acreditado que o acusado se apoderou e rompeu diversos obxectos do interior do domicilio da súa ex-parella. Entre os danos que causou figuran a fractura dun televisor e o cristal dunha foto da súa ex-parella, da que tiña ordes de afastamento.

No xuízo, o home negou os delitos polos que a Fiscalía e a acusación particular solicitaron 30 anos de prisión. Na súa declaración, sostivo que mantiña coa muller unha "relación tóxica" marcada polo consumo de "alcol e cocaína".  

En todo momento rebateu que entrase na casa da vítima, que roubase e que abrise o gas para provocar a morte da muller e dun fillo da mesma, ao que confesou que quería "máis" que a algúns membros da súa familia.

Máis sobre Foz