CRTVG

Buscar

Condenan a 17 anos de prisión o home que matou a golpes a seu pai en Monterroso

Publicado o 05/03/2020 17:06

Audiencia de Lugo condénao por un delito de homicidio coa agravante de parentesco. Ademais dos 17 anos de cárcere, o xuíz imponlle cinco anos de liberdade vixiada e unha indemnización de 2.500 euros para o neto da vítima. Os feitos ocorreron en marzo de 2018 e o caso xulgouse con xurado popular. O veredicto concluía que o acusado era plenamente consciente dos seus actos.

Os feitos ocorreron na noite do 18 ao 19 de marzo de 2018 na casa familiar de Esporiz, en Monterroso. Pedro López Louzao comezou a discutir co seu pai e logo a mallar nel. Cando o ancián xa estaba no chan seguiu dándolle patadas e puñadas. A vítima tiña 79 anos e era dependente. Na casa estaba ademais o fillo do agresor, un neno que daquela tiña catro anos. Pedro bebera, pero a forense dixo no xuízo que era plenamente consciente dos seus actos.

O xurado popular declarouno culpable, e o xuíz condénao agora por homicidio co agravante de parentesco. Di a sentenza que os golpes da vítima non podían ser froito dunha caída accidental e que o acusado era consciente de que con esta malleira podía causarlle a morte a seu pai.

Ademais dos 17 anos de prisión, a condena inclúe cinco anos de liberdade vixiada e unha indenmización para o cativo polo dano moral que lle causou.