CRTVG

Buscar

Condenan a 16 anos o acusado de matar un home de 57 coiteladas en Carballo

Publicado o 23/01/2019 18:29
Condenan a 16 anos o acusado de matar un home de 57 coiteladas en Carballo

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do xurado, condenou a 16 anos de cárcere por un delito de asasinato concorrendo a circunstancia de saña e outro de tenencia ilícita de armas o acusado de matar o 8 de decembro de 2017 nunha estrada de Carballo a un home asestándolle 57 coiteladas. 

A sentenza considera probado que tras acudir o día anterior a mercar droga a Ferrol, o acusado e a vítima quedaron nun bar, onde permaneceron un breve período de tempo. Ao abandonar o local, subiron ao coche do falecido. Durante a viaxe, tiveron unha disputa, polo que o condutor detivo o turismo no lateral da estrada. Despois de forcexear, baixaron do coche e o acusado esgrimiu unha arma branca que levaba entre as súas roupas. A vítima tentou fuxir, pero non puido evitar os continuos ataques do imputado. “De forma deliberada e para aumentar o seu sufrimento, causoulle feridas múltiples que prolongaron a súa agonía e dor durante un período de tempo non determinado”, destaca a sentenza. 

A defensa solicitou a aplicación da eximente de toxicomanía, pero o tribunal do xurado, tal e como indica o fallo, entendeu que cando cometeu os feitos non tiña as súas facultades alteradas. “Sabemos que era toxicómano e que o día dos feitos consumira drogas, con todo, non concorren datos que permitan atenuar a súa responsabilidade criminal”, subliña a Audiencia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2019