CRTVG

Buscar

Condenados un proxeneta e un xinecólogo no primeiro xuízo da operación Carioca

Publicado o 15/10/2020 18:03

Hai novidades xudiciais na operación Carioca, vencellada ás redes de prostitución en Lugo. Esta mañá houbo acordo no primeiro xuízo celebrado contra os acusados de obrigar a abortar a unha prostituta que traballaba no club de citas Queen's de Lugo. Os dous foron condenados por un delito de aborto e deberán pagar indemnizacións. A maiores, o propietario do club aceptou un ano de cadea. A muller á que obrigaron a abortar faleceu hai agora un ano. 

O antigo dono do club Queens, en Lugo, foi condenado a un ano de cadea tras recoñecer que en 2009 presionara unha traballadora do prostíbulo para que abortase. Trátase de Manuel García Adán, un dos principais implicados na operación Carioca, que ademais deberá indemnizar con 1.000 euros a herdeira da vítima, falecida hai un ano. Tamén aceptou condena o xinecólogo que practicou o aborto, Carlos Abuín, que xa indemnizara a vítima con 3.000 euros.

Francisco Torrijos, avogado da acusación particular: "Ambos os dous son condenados por un delito de aborto. En absoluto consentido, senón todo o contrario. Da lectura dos feitos probados queda claro que a intención da miña representada era ter o meniño. Pero o pai do bebé tomou as medidas oportunas, que foron poñerse en contacto co proxeneta, e este co xinecólogo, absolutamente en contra da súa vontade, como de feito queda acreditado".

Nun principio, o fiscal pedía 15 anos de cadea para os dous acusados e mais para o cliente que deixara embarazada a vítima, pero este último foi exculpado en decembro de 2018. Ademais, tras aplicar as atenuantes de reparación do dano e de dilacións indebidas, reduciu a condena para os outros dous procesados, que finalmente deron a súa conformidade coas penas solicitadas.

Liana de la Cal, avogada da defensa do xinecólogo condenado: "Indemnizouse a vítima, no noso caso con 3.000 euros. E á vista de que hai unha responsablidade civil que xa foi sufragada, aplícanse tamén a reparación do dano e as dilacións indebidas, e por iso a multa se rebaixa aos tres meses".

Este foi o primeiro xuízo da operación Carioca, instruída pola xuíza Pilar de Lara, que en 2008 comezou a investigar a posible obtención de favores por parte dos proxenetas mediante as súas relacións con membros das forzas de seguridade. Logo do sobresemento de gran parte da causa, case todo quedara arquivado.

Noticias web

15/10/2020