CRTVG

Buscar

Condenados dous veciños da Pontenova por ameazaren e estafaren un discapacitado

Publicado o 13/06/2018 14:08

Unha veciña da Pontenova e o seu xenro foron condenados pola Audiencia Provincial de Lugo por un delito continuado de ameazas. Os acusados obrigaron un home que padece unha discapacidade psíquica a entregarlles 2.500 euros baixo a ameaza de denuncialo por delitos que non cometera. Agora os denunciados foron eles e tiveron que devolver os cartos. Ademais, deberán pagar unha multa e non poderán achegarse á súa vítima.

Estes dous veciños do concello lugués da Pontenova, sogra e xenro, foron condenados pola Audiencia Provincial de Lugo por un delito continuado de ameazas. De común acordo, acosaron un coñecido seu para que lles entregara cartos de xeito periódico. De non facelo, ameazaban con denuncialo por unha hipotética agresión á filla e esposa dos acusados e mesmo por atropelar un deles.

A vítima das ameazas, que padece unha discapacidade intelectual do 55%, entregoulles 2.500 euros en dous pagamentos de 1.000 e 1.500. Ademais, os acusados acudían de xeito habitual á zona do seu lugar de traballo co fin de asustalo e chegaron a dicirlle que había un terceiro implicado que podería agredilo.

Inicialmente a Fiscalía solicitaba catro anos de cadea para cada un dos acusados, pero ao final chegaron a un acordo coa defensa, despois de que devolveran á vítima os 2.500 euros. 

A vítima decidírase a denunciar os feitos despois de que os acusados lle esixiran un novo pagamento de 2.000 euros. A muller xa contaba con dous antecedentes penais por delitos de lesións e estafa cometidos en Oviedo e Avilés.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2018