CRTVG

Buscar

Condenado un pontevedrés a case 13 anos de prisión por maltratar e violar a súa muller

Publicado o 23/02/2021 18:42
Condenado un pontevedrés a case 13 anos de prisión por maltratar e violar a súa muller

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 12 anos e 11 meses de cárcere un veciño da cidade por maltratar de forma habitual a súa muller, á que agrediu sexualmente e ameazou.

Na sentenza, os maxistrados consideran probado que o acusado, que estivo casado durante 40 anos coa vítima, antes de separarse en 2018, dirixíase á súa parella de forma vexatoria e que a maltrataba, especialmente a partir de 2016, cando estivo un tempo sen traballar. O tribunal provincial sinala que tiña un "comportamento agresivo e controlador", que agredía e ameazaba de forma constante a súa muller, á que lle dicía que a ía a matar, e a insultaba de forma frecuente. Esta situación xerou na vítima "un sentimento de medo e temor permanente".

A Audiencia tamén considera probado que, polo menos nunha ocasión, o acusado obrigou a muller a manter relacións sexuais, e tentouno noutra, desistindo ante a advertencia da súa esposa de que gritaría e poderían escoitala uns familiares. En todo caso, a sentenza reflicte que os informes periciais evidencian que a muller foi sometida a outros episodios similares.

Ademais, os maxistrados dan credibilidade ao testemuño da vítima (salvo polas contradicións sobre unha das supostas agresións sexuais, que non vén probada) e tamén ao de testemuñas, como unha sobriña e unha filla do matrimonio, que relatou no xuízo que "sempre" tivera medo ao seu pai, e que eran frecuentes as discusións, insultos, berros e ameazas á súa nai por parte do acusado.

Por todo iso, o tribunal considera o acusado autor dun delito de malos tratos habituais en domicilio, un delito de ameazas contra a muller, un delito de lesións, un delito de agresión sexual (coa agravante de parentesco e xénero) e outro en grao de tentativa (coa agravante de parentesco e xénero, e a atenuante de intoxicación etílica).

Así, condénao a penas que suman 12 anos e 11 meses de cárcere, e impón a prohibición de achegarse á vítima durante máis de 21 anos, a prohibición de ter armas durante 6 anos e medio, e a medida de 9 anos de liberdade vixiada. En canto á responsabilidade civil, establece que deberá indemnizar a súa exmuller con algo máis de 6.000 euros polas lesións e o dano moral.