Condenado un mozo ourensán por violar a súa sobriña menor de idade
A Audiencia Provincial de Ourense condenou a oito anos de prisión un home acusado de violar a súa sobriña, menor de idade. Ademais, imponlle cinco anos de liberdade vixiada e a prohibición de aproximarse á rapaza durante dez anos.
Os feitos ocorreron na Noiteboa de 2018, cando a rapaza tiña 13 anos. O acusado, que tiña 21 anos e vivía cos pais da vítima, meteuse na cama dela, espiuna e penetrouna. Segundo o tribunal, a menor non se resistiu por medo ou por vergoña. Foron os seus pais os que denunciaron os feitos.
Durante o xuízo, o condenado negou os feitos. Segundo relatou, esa noite cearon todos na casa e, ao terminar, baixaron ao bar que se atopa nas inmediacións. A menor confirmou o sucedido, pero dixo que "quería moitísimo" o seu tío, por iso lle pedira á nai que non presentara denuncia.
“A confianza que mediaba entre eles, derivada dunha maior proximidade de idade, e das dificultades que a menor tiña co seu círculo, actuaron como un factor que incrementou a confianza co acusado, facilitando o desenvolvemento da acción, sen que poidamos considerar que se valeu dunha posición de superioridade sobre a menor, da que carecía”, conclúe a sala, que confirma o delito de abuso sexual.