CRTVG

Buscar

Condenado a sete anos de cadea un veciño de Redondela por tentar matar o fillo da súa parella

Publicado o 09/05/2019 13:42

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a sete anos de cadea o veciño de Redondela acusado de intentar matar o filllo da súa parella tras unha discusión.

Non foi necesaria a celebración do xuízo, xa que as partes chegaron a unha conformidade que permitiu modificar os delitos e rebaixar as penas. A Fiscalía cambiou a tentativa de asasinato, pola que pedía 10 anos de cadea, por tentativa de homicidio, na que incluíu o delito de ameazas. Unha modificación que rebaixa a pena a 6 anos de cadea. Tamen reduciu a súa petición de condena por tenza ilícita de armas de tres anos a un, despois de aplicarlle a agravante de abuso de superioridade e a atenuante de confesión.

O acusado non poderá achegarse a menos de 500 metros da vítima durante 8 anos e deberá indemnizala con 5.000 euros en concepto de danos morais.

Os feitos remóntanse a setembro de 2017 durante unha discusión do acusado co fillo da súa muller na súa residencia de Arcade. Acusábao de manter unha relación de incesto coa súa nai, ameazouno, insultouno e chegou a dispararlle cun revólver. A intevención da muller que empurrou o acusado no momento no que procedía a disparar desviou o proxectil e evitou unha desgraza.

O acusado, que naquel momento xa foi enviado a prisión, recoñeceu os feitos e aceptou a pena imposta tras a conformidade.

Noticias web

09/05/2019