CRTVG

Buscar

Condenado a dous anos de cadea tras roubar 66 zapatos do mesmo pé na Coruña

Publicado o 27/06/2019 19:07

E tamén na Audiencia Provincial da Coruña celebrouse outro xuízo cando menos... curioso. Xulgaron un home acusado de roubar nunha céntrica zapatería da cidade 66 zapatos do mesmo pé. Enfrontábase a unha pena de case cinco anos de cadea, pero a fiscalía e a defensa chegaron a un acordo e foi condenado a dous anos de prisión e ao pagamento dunha indemización de algo máis de 3.000 euros.

O acusado acepta a condena de dous anos de cadea e o pagamento de 3.023 euros como autor dun delito de roubo con forza atenuado coa circunstancia de drogadicción, malia explicarlle á sala que non lembraba nada do acontecido.

"Eu estou de acordo con asinar esa conformidade de dous anos. A min nesa tempada fóiseme bastante das mans o tema das drogas. Non me lembro de estar alí, pero se había pegadas miñas é evidente que estiven alí. Non é que recoñeza os feitos, é que non podo negar que estiven alí", explicou na Audiencia provincial da Coruña.

Segundo o escrito da acusación pública, o xa condenado desmontou os vidros do escaparate dunha céntrica zapatería da Coruña e subtraeu 66 zapatos do mesmo pé que había no expositor. Aconteceu en setembro de 2016.

A fiscalía, inicialmente, pedía para el unha pena de 4 anos e 9 meses de cadea, pero tras chegar a un acordo coa defensa, esa pena quedou reducida a menos da metade. Si mantiveron a responsabilidade civil polo valor do calzado. A sentenza xa foi declarada firme.







 

Noticias web

27/06/2019