CRTVG

Buscar

Condenado a doce anos de prisión por agredir sexualmente unha muller con discapacidade intelectual

Publicado o 16/07/2019 14:01

Un cidadán ghanés residente en Pontevedra aceptou 12 anos de cadea por un delito de agresión sexual. A vista celebrouse na Audiencia. Segundo recoñeceu o agora condenado, agrediu na súa casa unha muller cunha discapacidade intelectual do 65 por cento. Acompañado dunha intérprete, o acusado recoñeceu todos os feitos, e tanto a fiscalía coma a acusación particular rebaixaron as penas.

María Consuelo Gil García, avogada da acusación particular: "Neste caso o que a min máis me preocupa é a vítima que é unha persoa que ten diminuídas a súas facultades mentais, ten un atraso leve, entón, loxicamente, chegar a un acordo e non ter que testificar, relatando, revivindo os feitos é moi importante para a vítima".

O acusado atopouse coa vítima na porta dun comercio de Pontevedra. Mantivo con ela unha conversa e convidouna a tomar algo na súa casa. Alí foron ao cuarto do acusado, sentaron na cama e ofreceulle unha bebida. A pesar de saber que pola súa discapacidade a muller non era quen de prestar o seu consentimento para manter relacións sexuais, agredeiuna coa oposición da vítima. A muller contoulle o ocorrido ao seu pai, que puxo denuncia na policía.

Avogada da acusación particular: "Ao comezo, a rapaza, debido a súa inocencia, ao seu atraso leve, decidiu ocultalo ao seu pai, pero, loxicamente, é unha criatura inocente non ten esa maldade. A persoa que convive con ela, que é seu pai, deuse de conta de que pasaba algo. Pouco a pouco foillo sacando e, loxicamente, é un feito que non se pode deixar pasar por algo, hai que denuncialo e máis hoxe en día, que estamos sufrindo tantos casos de agresións sexuais".

O tribunal xa ditou sentenza e ademais dos doce anos tamén condenou o acusado a pagar dez mil euros e a sete anos de afastamento da vítima. O acusado xa estaba en prisión provisional dende que foi detido.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/07/2019