CRTVG

Buscar

Condenado a 96 anos o violador do ascensor

Publicado o 21/10/2019 12:47

96 anos de cadea é a condena para o coñecido como violador do ascensor. É un home cun historial cheo de violencia. Nesta ocasión asaltou catro mulleres e violou dúas delas.

A nova sentenza considera probado que Pedro Luis Gallego asaltou ameazando cunha pistola catro mozas entre decembro de 2016 e abril de 2017. Dúas delas lograran fuxir del, pero as outras dúas foran secuestradas e violadas no domicilio que o agresor tiña en Segovia.

O acusado admitira durante o xuízo os feitos e a Audiencia Provincial de Madrid condenouno hoxe a 96 anos de cadea. O historial violento deste home, alcumado como o violador do ascensor, coñeceuse hai xa 25 anos cando fora xulgado pola morte de dúas rapazas de 17 e 19 anos e outras 18 violacións.

Fora condenado a 273 anos de cadea, pero quedara en liberdade no 2013 ao derrogarse a chamada doutrina Parot.

Pedro Luis Gallego terá que cumprir agora un máximo de 25 anos, xa que calquera beneficio penitenciario aplicarase sobre o total da condena imposta, 96 anos. Unha condena que pode ser recorrida diante do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.


 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí