Condenado a 9 meses de prisión por ameazar por Twitter a Xulio Ferreiro con "meterlle un tiro no occipital"

O xulgado número tres do penal da Coruña condenou a nove meses de prisión un home, con identidade M. F. C. B., por ameazar a través da rede social Twitter con pegarlle "un tiro" ao que fora alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica Xulio Ferreiro.
Nunha sentenza con data do 22 de decembro, a maxistrada condena o acusado como autor dun delito de ameazas a 9 meses de prisión, así como a indemnizar con 2.000 euros o que foi rexedor da cidade da Coruña. En concreto, segundo o ditame, o home escribiu nesta rede social unha publicación en que podía lerse: "Quizais o golpe definitivo sería meterlle a Xulio Ferreiro un tiro no occipital. Así acabaríanse os problemas na Coruña. Fartos desta xentuza", unha mensaxe que acompañou dunha fotografía do exrexedor.
"A solución para A Coruña sería a mesma para Xulio Ferreiro que para Carrero Blanco, subir aos ceos", publicou noutro chío que acompañou dunha ligazón a unha noticia sobre o atentado de Carrero Blanco. Por último, unha terceira publicación escribiu: "É triste desexar que a un político lle trepanen o occipital cun 7.95, pero é que o buscan".
Coñecida a sentenza, contra a que cabe recurso de apelación no prazo de dez días, e tamén a través da rede social Twitter, o exalcalde da Coruña celebrou a decisión xudicial.
"Cando un asume un compromiso público sabe que vai ter que pasar por cousas, digamos, desagradables. Pero debe haber límites, e esá ben que así se recoñeza. Non me alegro de que ninguén ingrese en prisión, pero si de que se saiba que non todo vale", manifesta na súa mensaxe.
Cando un asume un compromiso público, sabe que vai ter que pasar por cousas, digamos, desagradables. Pero debe haber límites, e está ben que así se recoñeza. Non me alegro de que ninguén ingrese en prisión, pero si de que se saiba que non todo vale. https://t.co/GfqjjTHdPi
— Xulio Ferreiro (@XulioFerreiro) January 6, 2021