CRTVG

Buscar

Condenado un funcionario de Vigo pola contratación da cuñada de Carmela Silva

Publicado o 12/02/2019 20:59

A Audiencia Provincial de Pontevedra condena un alto funcionario do Concello de Vigo a 5 anos de cadea e 9 de inhabilitación absoluta para cargo público polos delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental.

O Tribunal considera probado que o condenado promoveu a adxudicación irregular de contratos menores a unha concesionaria municipal coa única finalidade de que a empresa lle pagase un salario á cuñada da actual presidenta da Deputación de Pontevedra. Por estes feitos, a Audiencia Provincial tamén lle impón unha pena dun ano e medio de prisión ao xerente da empresa concesionaria.

A senteza establece que os dous condenados urdiron un plan para beneficiar a cuñada de Carmela Silva. O Concello pagaba á concesionaria por uns traballos que non se facían. Eses cartos servirían para aboarlle a nómina á familiar de Silva. Precisamente, os dous condenados terán que pagarlle ao Concello de Vigo 108.000 euros, que é o importe falsamente facturado pola concesionaria ao Concello.

A cuñada de Carmela Silva estivo investigada na causa pero foi desimputada porque o delito que inicialmente se lle atribuía estaba prescrito.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/02/2019