CRTVG

Buscar

Condenado a 21 anos o ex-profesor dos Maristas por abusar de 4 alumnos

Publicado o 29/04/2019 17:52

A Audiencia de Barcelona condenou a 21 anos de cárcere o ex-profesor do colexio Maristas-Sants por abusar de 4 alumnos entre os anos 2006 e 2010. A sentenza declara responsable civil subsidiario o centro educativo, que deberá indemnizar con 120.000 euros as vítimas por danos morais.

Un mes despois de celebrarse o xuízo contra o ex-profesor do colexio Maristas de Sants Joaquín Benítez, a Audiencia de Barcelona condénao a 21 anos e 9 meses de prisión por abusar de 4 alumnos menores de idade.

Os abusos foron cometidos entre os anos 2006 e 2010, cando Benítez exercía de profesor de Educación Física no centro.

A sentenza, entregada esta mañá ás partes, inhabilítao ademais para exercer a profesión docente durante 13 anos. O tribunal considera que os Maristas son responsables civís subsidiarios, polo que deberán indemnizar as 4 vítimas cun total de 120.000 euros.

Durante o xuízo, Benítez admitiu os abusos en dous dos casos, pero vai implicar a dirección do centro ao asegurar que se sentía amparado, xa que coñecían que dez anos antes abusara doutro menor e só fora amoestado. A fiscalía reclamaba para o acusado 22 anos de cárcere e as acusacións particulares 36 anos en total.

Noticias web

29/04/2019