CRTVG

Buscar

Condenado a 20 anos de prisión por violar e roubar unha muller de 75 anos en Bueu

Publicado o 27/05/2021 17:22

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou un home a penas que suman 20 anos de prisión por violar unha muller de 75 anos no seu domicilio de Bueu, ademais de roubala e causarlle lesións.

Os maxistrados consideran probado na súa sentenza que o acusado, na madrugada do 3 ao 4 de marzo de 2017, accedeu ao domicilio da vítima escachando o cristal e os barrotes dunha porta traseira, coa cara oculta por un pasamontañas.

Unha vez no cuarto, abalanzouse sobre ela na cama, quitoulle o pixama, tapoulle a boca con cinta e cubriulle a cabeza con roupa.  Así mesmo, atoulle as mans e os nocellos á cama, de xeito que a muller quedou completamente inmobilizada, en situación de vulnerabilidade e coas pernas abertas.

A continuación, agrediuna sexualmente e, cando finalizou, tratou de eliminar posibles restos biolóxicos limpándolle os xenitais cunha saba empapada en viño. Despois da violación, o acusado revolveu o domicilio e roubou 1.250 euros que atopou nunha carteira e nun sobre que estaba gardado nun armario. Antes de marchar, tirou o teléfono móbil da vítima ao lixo e desatoulle as pernas.

Restos de ADN

Malia os intentos da defensa de cuestionar as probas contra o procesado, o Tribunal considera probado que os restos de ADN atopados no lugar dos feitos corroboran a autoría dos delitos.

O acusado coñecía a vítima e a súa casa porque fixera alí traballos de albanelaría e os informes de xeolocalización do seu teléfono móbil situárono nas inmediacións da vivenda na noite dos feitos. Ademais, a Garda Civil topou no seu domicilio unha mochila con roupa escura e fragmentos de cinta e corda idénticas á utilizada coa muller agredida.

Delitos e penas

Por todos estes feitos, a Audiencia Provincial considera o acusado autor dos delitos de agresión sexual, lesións e roubo con violencia, cos agravantes de abuso de superioridade e disfrace.

Deste xeito, condénao a catorce anos de cárcere polo primeiro delito, a dous anos polo segundo e a outros 4 anos polo roubo. Ademais, imponlle a medida de liberdade vixiada durante dez anos unha vez que saia de prisión. Ademais, non poderá achegarse ou comunicarse coa vítima durante outros dez anos, e deberá indemnizala con 13.750 euros.

Noticias web

27/05/2021