Condenado a 13 anos de prisión por intentar asasinar a súa exparella en Vimianzo

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a trece anos de cárcere un home que tentou asasinar a súa exparella en maio de 2019 acoitelándoa nas oficinas de Unións Agrarias de Vimianzo, onde ela traballaba, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ademais da pena de prisión, o tribunal impúxolle a J. M. T. sete anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse por calquera medio coa vítima e de aproximarse a ela durante quince anos, así como a prohibición, durante o mesmo período, de residir no mesmo termo municipal que o seu excompañeira sentimental.
Os xuíces, que tiveron en conta a agravante de discriminación por razón de xénero, tamén lle impuxeron o pago dunha indemnización de 30.500 euros polo dano moral e as lesións e secuelas que quedaron á muller.
A Audiencia relata na sentenza que o sospeitoso e a vítima mantiveron unha relación desde 2017 ata o mes de febreiro de 2019, cando terminou, a pesar de que o condenado seguía insistindo en retomala. O 15 de maio dese ano, sobre as 9.10 horas, “coa intención de acabar coa vida” da súa excompañeira sentimental, J. M. T. accedeu ao lugar onde traballaba armado cun coitelo de cociña oculto entre as súas roupas.
Os maxistrados destacan que escolleu esa hora porque sabía que as oficinas “estarían, con toda probabilidade, sen afluencia de xente, polo que lle sería máis difícil pedir axuda, pois, ademais, era a única empregada presente”. Unha vez dentro, segundo relatan os xuíces, “de forma sorpresiva, empuxouna coa maleta para, acto seguido, agarrala polo pescozo e cabelos, conseguindo así lanzala ao chan e colocarse ao carricho encima de ela”.
Nese momento, “comezou a lanzar diversas coiteladas ao pescozo da súa exparella” ata que foi sorprendido por unha muller. Axentes da Garda Civil presentáronse no lugar dos feitos en escasos segundos e taponaron as feridas que a afectada tiña no pescozo, á vez que reclamaron a presenza dos servizos sanitarios, os cales evacuaron a muller en helicóptero a un centro sanitario de Santiago de Compostela.
“Foi só debido a esta rápida intervención dos axentes e dos servizos sanitarios polo que conseguiu salvar a vida, falecendo se a intervención se dilatase escasos minutos, dada a natureza e gravidade das feridas causadas polo acusado”, subliña o tribunal. “O acusado actuou de forma aleivosa”, destaca a sentenza, que describe o ataque como “súbito, repentino, inesperado, por sorpresa e sen dar opción real á vítima, desarmada, a defenderse”. Por iso, condenaron o acusado como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa.