Condenado a 13 anos por asasinar o compañeiro de piso na Coruña

A Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, condenou a 13 anos de cárcere un home por asasinar o seu compañeiro de piso na Coruña en 2019 asfixiándoo cun cinto. Segundo a sentenza da sección segunda da Audiencia, remitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o home, que no xuízo alegara un "arrebato", foi declarado culpable de asasinato con aleivosía coa atenuante de confesión do delito.
A decisión xudicial establece que cando se atopaba no piso situado no barrio coruñés de Labañou, dirixiuse ao cuarto do seu compañeiro para pedirlle explicacións polos seus comentarios e actitude despectiva con el, polo que xurdiu unha discusión e enfrontamento verbal.
Durante a disputa, "de forma sorpresiva e sen darlle ningunha oportunidade de reacción defensiva á vítima e coa intención de acabar coa súa vida, desestabilizouna agarrándoa polo pescozo co seu brazo dereito, presionando con forza ata que a virou, quedando as súas costas contra o seu peito", segundo a sentenza. O tribunal do xurado considerou probado que durante uns minutos apertou co seu brazo fortemente o pescozo do seu amigo.
No ataque, relata a Audiencia, o acusado deixou de facer forza co brazo e "continuando co propósito e intención de acabar coa súa vida" colleu o cinto que este levaba posto e colocoullo no pescozo, "presionando con forza ata provocarlle a asfixia e morte".
O xuíz apunta que o condenado foi diagnosticado na súa exploración forense de personalidade con algún trazo esquizoide, con restrición da expresión emocional, apatía e frialdade emocional. Con todo, considera que "non existe eximente algunha no delito, dado que o xurado descartou que ese diagnóstico afectase a súa vontade ou a súa capacidade de comprensión dos feitos e das consecuencias destes".