Condenado a 11 anos de cárcere por abusar da filla da súa parella en Ferrol

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a once anos e dez meses de cárcere un home acusado de abusar da filla da súa parella en Ferrol durante varios anos desde que a nena tiña arredor de trece, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O tribunal, que o considerou autor dun delito continuado de abuso sexual con acceso carnal a menor de dezaseis anos e doutro de lesións, tamén lle impuxo cinco anos de liberdade vixiada e a inhabilitación para calquera profesión ou oficio que supoña contacto con menores durante catorce anos, así como a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da vítima durante 17 anos.
Os maxistrados relatan na sentenza que o sospeitoso desempeñou “o papel correspondente á figura paterna” e que, “aproveitándose diso e da diferenza de idade, así como da confianza que espertaba na nena, da propia inxenuidade e descoñecemento desta”, conseguiu que crera que eran noivos. “Por iso, os seus comportamentos, cando ninguén os observaba, debían ser cariñosos, cruzaron multitude de mensaxes telefónicas, realizábanse tamén tocamentos de contido sexual, e pronto, aínda que tampouco se determinou a data, comezaron as relacións tamén sexuais”, indican os xuíces.
Tamén destacan que os Servizos Sociais iniciaron a súa actuación no caso “alertados, pola contorna veciñal, dunha estraña relación entre o acusado e a filla da súa parella”. Ademais, na sentenza, reproducen as mensaxes que se intercambiaba o condenado coa menor, que proban que “se daban esas relacións sexuais, entre a que foi nena e o que era como o seu pai”.