CRTVG

Buscar

Condena de 11 anos de cárcere a un veciño de Mondariz por abusar dunha menor acollida pola súa filla

Publicado o 14/07/2020 19:14
Condena de 11 anos de cárcere a un veciño de Mondariz por abusar dunha menor acollida pola súa filla

A Audiencia de Pontevedra condenou a once anos de prisión un home, veciño de Mondariz, que abusou  sexualmente de forma continuada dunha nena de 14 anos á que a súa filla tiña en acollida. Ademais da pena de cárcere, o tribunal impúxolle nove anos de liberdade vixiada, así como a prohibición de comunicarse coa vítima ou aproximarse a ela, unha vez saia de prisión, durante nove anos.

O acusado foi achado culpable dun delito de abuso sexual continuado con prevalimento e penetración que lle supoñerá ser inhabilitado durante cinco anos para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que supoña contacto con menores.

En concepto de responsabilidade civil, ademais, deberá indemnizar a menor con 25.000 euros polos danos morais que lle causaron os abusos.

Os maxistrados da Audiencia de Pontevedra conclúen que o acusado tiña "pleno coñecemento" de que a nena tiña 14 anos e que, ademais, tiña un "atraso  madurativo" que lle supoñía un grao de discapacidade do 35%.

No xuízo, que se celebrou en dúas sesións antes e despois do estado de alarma, o home recoñeceu enviarlle unha foto espido á nena, pero negou os abusos sexuais. A vítima, que declarou protexida para non ser identificada e non ver o seu agresor, ratificou a súa denuncia contra el e as forenses que a examinaron aseguraron que o seu relato era crible" e que "non era froito dun testemuño elaborado" nin motivado por "influencias externas".

Así, a sentenza considera probado que este home, aproveitando que a menor estaba a pasar o verán de 2017 na casa familiar, comezou a enviarlle mensaxes a través de WhatsApp onde lle se mostraba espido e lle propoñía manter relacións sexuais.

A actitude mantívose ata que un día o home a levou dar un paseo a un monte próximo á vivenda onde abusou  sexualmente dela, feitos que se repetiron en varias ocasións tamén nun cortello e no interior da vivenda.