CRTVG

Buscar

Condecorada a policía de Vigo que salvou a vida dun bebé

Publicado o 29/03/2021 20:26

Enzo acaba de facer un ano, e probablemente esté vivo grazas aos primeiros auxilios que lle practicou María Xesús cando tiña apenas 15 días.

Patricia María de Jesús, nai de Enzo: "Eu estaba na casa soa co neno e, de súpeto, despois de tomar a teta e poñelo a durmir, vin que estaba coa boca branca, moi maliña e saín á rua con el para pedir axuda".

María Xesús Antunes, policía local condecorada coa Medalla ao Mérito de Protección Civil: "Baixaba pola rúa do Pino e vin que estaban dúas mulleres cun neno no alto sacudíndoo. Díxenlles se mo deixaban, que sabía algo de primeiros auxilios e xa o collín polo queixiño. Púxeno enriba da miña perna, batinlle un pouco nas costas. Deille a volta outra vez para ver se reaccionaba e estaba así como moradiño e tiña os ollos en branco. No momento xa fixo así cunha perna. Vin que comezou a revivir e nese momento deillo no colo á nai e díxenlle 'Patricia, toma, toma'".

Enzo foi trasladado ao hospital e María Xesús quixo saber da sua evolución. Unha semana despois produciuse o reencontro.

Maria Xesús Antunes, policía local condecorada coa Medalla ao Mérito de Protección Civil: "Para min foi o mellor momento de todos. Cando me abriu a porta, me mirou, colleume polo brazo correndo e levoume ao cuarto".

Desde entón úneas unha amizade moi estreita. Para Patricia, María Xesús converteuse no seu anxo da garda.

Patricia María de Jesús, nai de Enzo: "Se non fose María, eu non tería o meu neno. Naquel momento penso que foi Deus que a puxo para que salvara ao meu neno. E eu considéroa como unha irmá".

Por esta acción, María Xesús acaba de recibir a Medalla ao Mérito de Protección Civil que concede o Ministerio do Interior.

Noticias web

29/03/2021