Conde non ve futuro para Vestas sen apostar polo sector eólico
O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegura que a única alternativa de futuro para Vestas pasa por unha política enerxética que aposte polo sector eólico. Nunha entrevista na Radio Galega, Conde critica a actitude da empresa e pídelle ao Goberno central que se implique na busca dunha solución.
O conselleiro de Economía considera inaceptable a actitude da empresa que admite a boa marcha desta fábrica eólica de Chavín e ao mesmo tempo anuncia o peche. Francisco Conde lembra que a Xunta convocou unha reunión para o martes coa compañía e co comité da empresa, e pide a implicación do Goberno central.
"A única alternativa de futuro para unha empresa eólica pasa porque haxa unha política enerxética que aposte polo desenvolvemento eólico, se non hai esa aposta para desenvolvemento eólico terrestre e mariño, pois as empresas toman decisións e buscan outros mercados", afirma o conselleiro.
Conde tamén reclama solucións para outras empresas con problemas como Ence, Navantia ou Alcoa e Alu Ibérica, que non terán futuro, pensa, se o prezo da luz segue subindo. O conselleiro de Economía lembra que na segunda quincena deste mes as empresas pequenas e medianas xa poden pedir axudas para aforrar na factura da luz.
"Van poder facer investimentos no eido do autoconsumo a través de placas solares pero tamén a través de instalacións de baterías, e son medidas que comezamos coas empresas pero que ampliaremos ás familias e ás institucións públicas", explica.
A Xunta destina 20 millóns de euros a este plan e conta con que se poidan aforrar uns 7 millóns de euros.