Conde: "Non nos podemos permitir reducir a produción nin o emprego"
A Xunta de Galicia esíxelle ao Goberno central medidas concretas que permitan ás empresas facerlle fronte á suba do prezo da luz, unha situación que "lacra a súa competitividade", segundo dixo o conselleiro de Economía na inauguración do Encontro Nacional de Deseño que se desenvolve no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
"A noticia de que Megasa pode reducir a súa produción é unha evidencia de que hai unha política enerxética que non está dando as respostas que necesitan tanto as familias coma as empresas. Hai unha improvisación clara dende o primeiro momento en que se toman decisións en matería de política enerxética como foi o peche das centrais térmicas, que agora parece que hai que reactivar outra vez", asegura Francisco Conde.
Os custos da produción das empresas electrointensivas dependen ata un 50 por cento do gasto de luz, segundo datos do propio sector. Ante a escalada incesante do prezo eléctrico, o conselleiro reclámalle ao Goberno central medidas inmediatas que permitan manter a competitividade industrial.
"Non nos podemos permitir que haxa unha redución da produción e do emprego e por iso pedímoslle ao Goberno que reaccione con medidas concretas que poidan permitir que as empresas fagan fronte a unha situación que está lastrando a súa competitividade", afirma.
Nesta situación de incerteza eléctrica e nos mercados das materias primas, urxe ao executivo unha actuación que desbloquee a venda das instalacións que Alcoa ten na Mariña. "No caso de Alcoa estamos nunha situación de bloqueo por parte do Goberno que non está actuando para poder pechar a venda e polo tanto que haxa unha intervención por parte do Goberno para pechar a venda, iso é o que lle estamos solicitando", engade.
Alcoa mantén os seus plans de desfacerse da factoría de San Cibrao, a pesar de que a multinacional acadou un record de beneficios de 290 millóns de euros no ultimo trimestre.