CRTVG

Buscar

Conde presenta a estratexia do Polo Aeroespacial: "Queremos industrializar e producir aquí"

Publicado o 27/07/2021 10:36

Arranca a Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-25. A Xunta presenta as directrices do que será este proxecto nos próximos anos, nunha iniciativa que pretenden consolidar a relevancia do sector, tras a experiencia dos últimos exercios. 

"O obxectivo é consolidar o polo aeroespacial, coa participación de empresas tractoras como Boeing, Indra ou Babcock, pero tamén coa participación de pequenas e medianas empresas e de centros tecnolóxicos e universidades”, explica o vicepresidente económico, Francisco Conde.

Facendo balance dos pasados anos, Conde explica que "foron máis de 900 persoas que se vincularon a novos proxectos nos últimos anos. O obxectivo é consolidar ese ecosistema de innovación de empresas, universidades e centros tecnolóxicos que están permitindo o desenvolvemento de proxectos xa desde o punto de vista pragmático".

Poñendo exemplos, di que "estamos desenvolvendo proxectos para a localización de persoas en situación de emerxencia, para recoller probas para facer test de calidade das augas… En definitiva, estamos aplicando as solucións que se foron desenvolvendo durante estes anos".

"E o que pretendemos é consolidar o proxecto precisamente para que Galicia siga sendo unha referencia neste tipo de solucións empregando vehículos non tripulados, que é un mercado que vai seguir crecendo nos próximos anos a un ritmo de máis de dez mil millóns ao ano", asegura o vicepresidente.

"Galicia demostrou que ten infraestrutura, con ese aeródromo de Rozas, e sobre todo un escaparate da colaboración público-privada", di Conde, quen cre que isto se ten que traducir en "industrializar e producir aquí en Galicia os produtos que se van desenvolvendo e tamén comercializalos".

"Estamos conseguindo atraer talento e reter talento en emprego cualificado. E cinco anos máis vainos permitir dar estabilidade e continuidade ao proxecto", conclúe Francisco Conde.

 

Noticias web

27/07/2021