CRTVG

Buscar

Conde carga contra a ministra de Industria por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta"

Publicado o 08/10/2019 20:53

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, cargou contra a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, por "acudir a Galicia sen ningún tipo de proposta nin concreción" para a crise industrial que se vive na comunidade en plantas como a de Endesa das Pontes e a de Alcoa de San Cibrao. 

Na súa comparecencia no pleno do Parlamento galego, Conde criticou que a ministra "nega" a información sobre o borrador do estatuto pendente de aprobación para a industria electrointensiva, polo que reclama que "traslade" ese texto. Respecto diso, arremeteu contra o "caos enerxético" do Goberno de Pedro Sánchez que "está a arrastrar a toda a industria" de Galicia. 

Esta comparecencia prodúcese por mor da situación da térmica das Pontes, sobre a que criticou que a reunión da pasada semana en Madrid "non cumpriu nin de lonxe as expectativas", cun Goberno "sen ideas e sen planificación", xa que "non ten nestes momentos ningunha alternativa viable que garanta" a continuidade industrial e traballo. E é que asegura que non é viable substituír actualmente o carbón pola biomasa. 

"España non vai recibir ningunha medalla por ser a primeira en pechar todas as súas centrais", avisou o conselleiro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2019