CRTVG

Buscar

Conclúe o bombeo do Blue Star e queda "baleiro de combustible e aceites"

Publicado o 02/12/2019 18:59

• Produciuse unha fuga durante a retirada

Contra as cinco da tarde deronse por rematados os traballos de extracción do fuel e gasóleo do buque. Uns traballos que duraron 3 días e que esta mañá rexistaron un pequeno incidente cando unha das xuntas das mangueiras fallou provocando unha pequena vertedura, de entre 10 e 20 litros, que caeron ao mar e que se puido limpar desde as lanchas polo que non foi necesario recorrer ás barreiras anticontaminación. Mañá pola mañá está previsto que xa se retire todo o operativo empregado no trasvasamento do combustible e a partir de aí comezará a segunda fase da operación: a empresa propietaria do Blue Star deberá decidir que facer co buque encallado.    

A rotura dunha das mangueiras que trasportaban o carburante desde a proa do buque aos camións cisterna, en terra, provocou na mañá deste luns unha vertedura de fuel e gasóleo. Desde a Subdelegación do Goberno na Coruña, cualificouse de pequeno incidente este suceso que formou dúas pequenas manchas a carón do buque e entre as rochas próximas. A limpeza realizouse desde as lanchas despregadas na zona sen necesidade de usar as barreiras anticontaminación.

Logo de tres días, o trasvasamento do combustible finalizou na tarde deste luns. Cos todos os tanques baleiros, este martes retirarase o operativo despregado en terra. Será entón o momento de iniciar a segunda fase do plan de rescate do buque. Todo apunta que se vai tratar de reflotar o Blue Star e barállase que sexa entre os días 10 e 14 coincidindo coas mareas vivas. Calquera actuación que se faga deberá contar coa autorización do Goberno español.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí