CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide imputar os catro detidos polo crime de Samuel por asasinato

Publicado o 05/08/2021 12:23

• A xuíza comunicoulles que serán xulgados por xurado popular, pero non o delito que se lles imputa | A Audiencia rexeita poñer en liberdade un adulto e os menores detidos, estando un deles en liberdade vixiada no momento da agresión

EFE

EFE


A vista celebrada este xoves no Xulgado de Instrución número 8 da Coruña polo crime de Samuel Luiz estendeuse aproximadamente unha hora e cuarto e finalizou sen concretar a imputación: homicidio ou asasinato. Este extremo deberá concretarse xa na instrución. 

  Os avogados das partes saíron do edificio dos xulgados onde a xuíza instrutora citou os catro detidos maiores de idade, tres homes encarcerados e unha muller en liberdade con medidas cautelares.

Pablo Romero, avogado que representa a Ibrahima, o home que protexeu a Samuel Luiz durante a agresión, indicou que "de momento, non houbo avance" e que "dentro duns días" coñecerán a decisión da xuíza sobre o "procedemento" polo cal se vai levar a cabo a instrución.

Os representantes da Fiscalía e das acusacións particulares e popular pediron este xoves imputar un delito de asasinato os catro investigados maiores de idade polo crime de Samuel Luiz, informaron a Efe fontes das defensas xurídicas dos detidos. 

O asasinato é un tipo de homicidio agravado cando concorren circunstancias como a aleivosía, o ensañamento, o prezo ou recompensa ou cando se comete para facilitar ou ocultar outro delito. Está castigado con penas de entre 15 e 20 anos de prisión, que poden ir ata 25 se se dan dúas das circunstancias mencionadas.

A acusación popular é exercida pola asociación LGTBI Alas Coruña, mentres que as acusacións particulares componas a familia da vítima e o senegalés Ibrahima Diack, que tentou protexer a Samuel Luiz e tamén resultou agredido; aínda que para o seu caso é probable que se abra un procedemento distinto. 

A Fiscalía pediu investigar por un delito de asasinato os catro mozos, mentres que para Kaio, o home que supostamente levou o teléfono móbil de Samuel, impútanlle tamén un delito de roubo con violencia, en lugar do de apropiación indebida.

Todas as acusacións, engaden fontes das defensas, adheríronse ao solicitado pola Fiscalía, que pediron tamén imputarlles un delito de lesións pola agresión a Ibrahima. 

Ademais, a Fiscalía pediu a práctica de máis dilixencias, tales como un maior número de testemuñas e datos do posicionamento do teléfono móbil de Samuel. Os avogados que defenden estes catro detidos opuxéronse a que o procedemento continúe o seu curso e tamén solicitaron a práctica de novas dilixencias.

Berros de "asasino"

Ante unha gran expectación mediática, os tres homes maiores de idade chegaron ás 9:05 horas deste xoves á sede xudicial nun vehículo da Garda Civil, que os trasladou desde a prisión de Teixeiro. Posteriormente, ás 9:50, horas entrou acompañada do seu letrado a acusada, con lentes de sol, e accedeu ao edificio con rapidez entre berros de "asasina" proferidos por un grupo de amigos de Samuel.

Ás 11:35 horas, comezaron a saír os sospeitosos esposados mentres algúns amigos de Samuel, entre bágoas, proferíronlles tamén berros de "asasino", á vez que dúas mulleres novas clamaban "inocente" a Kaio, tamén acusado de levarse o móbil. "Sabemos que es inocente Kaio, vas saír de aí", exclamaron dúas mozas que se achegaron ata a zona onde se atopaba o vehículo da Garda Civil que os traslada á prisión. Só Kaio levaba a cara descuberta, chegando mesmo a levantar a cabeza para saudar aos medios de comunicación.

Tras a vista, o letrado da moza acusada, Luciano Prado, remarcou en declaracións a Efe que a acusación de presunto asasinato á súa patrocinada "non ten base ningunha", pois aínda que ela "estaba alí", "a súa participación foi nula". O letrado precisou que ela "non fixo ningunha acción nin directa nin indirecta que poida ser suficiente para manter semellante acusación".

Outro dos avogados, consultado por Efe, asegurou que a Fiscalía achaca un delito de odio a dous dos homes, os dous primeiros detidos. A causa séguese por un delito de homicidio ou asasinato, a concretar ao longo da instrución. Ademais, hai outros dous homes detidos por este crime, dous menores de idade que se atopan internados nun centro específico.

 

Noticias web

05/08/2021