Josep Mª Libre: "Ten máis risco unha cea familiar sen control que un concerto con medidas"
O concerto de Love of Lesbian, o pasado 27 de marzo no Palau San Jordi de Barcelona, converteuse na gran esperanza do sector da promoción de eventos musicais. Foi o primeiro espectáculo comercial que se celebra durante a pandemia sen distanciamento social pero con todas as medidas de seguridade recomendadas.
O experimento clínico, avalado pola cidade condal e pola Generalitat, converteuse nunha iniciativa pioneira a nivel internacional que agora se vai repetir noutros países europeos como Francia, Holanda ou Dinamarca.
Segundo o médico internista Josep María Libre, responsable do estudo, o obxectivo é demostrar se é posible retomar as actividades multitudinarias sen riscos. Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, considera: "Ti podes xuntar 5.000 persoas con todas as medidas de seguridade. Porén, non podes reunir vinte contactos familiares nunha cea sen ningún tipo de control porque se o fan 50.000 galegos pode crearse un gran risco de transmisión".
Test de antíxenos
Para asistir ao concerto do pasado sábado, había que someterse a un cribado de antíxenos pola mañá. O resultado negativo era o pase para poder entrar no Palau San Jordi, iso si, con máscara FPP2. No interior, a pista estaba dividida en tres zonas, as butacas baleiras e a ventilación a toda máquina.
Elixiuse o test de antíxenos, explica o doutor, porque é rápido, doado, barato e, ademais, captura de xeito moi preciso a xente con risco de transmisión. No caso da PCR, engade, pode detectar un positivo que pasou a enfermidade hai tres meses e xa non contaxia, polo que "deixaría fóra moita xente".
Das 5.500 persoas do cribado, seis deron positivo. "Eses casos tiñan unha carga viral moi importante e nun contorno pechado, sen distanciamento físico, cada un podería contaxiar entre dez e quince persoas. Polo tanto, teriamos un evento de supercontaxio", asegura.
Resultados en dúas semanas
Agora, hai que agardar dúas semanas para saber canta xente que estivo alí contraeu a enfermidade. Eses datos vanse comparar coa taxa de poboación, do mesmo grupo de idade e lugar, que non asistiu ao concerto para saber "se houbo un exceso de risco ou non".
O internista José María Libre considera que o experimento foi prudente e seguro. Agora, subliña, é preciso que se constaten os resultados, como mínimo, unha vez máis. Lembra que os lugares onde se congregaba moita xente se pecharon tras a detección de casos de supertransmisión. "Se agora confirmamos que con estas medidas podemos ir volvendo pouco a pouco á normalidade, penso que será moi positivo" para o mundo da cultura.
Josep María Libre salienta a responsabilidade de Love os Lesbian, que non quería poñer en risco a saúde de ninguén. Sobre o concerto, asegura que foi "máxico e emocionante" cando o cantante dixo que foi o primeiro que lle plantou cara á pandemia e permitiu volver ter música ao vivo. "Penso que choramos todos", rememora.