Concentración en Celanova a prol da liberdade en Venezuela
En Galicia continúan as mostras de apoio á operación Liberdade, iniciada por Juan Guaidó. Como a que se produciu en Celanova. Decenas de venezolanos retornados lembraron tamén os familiares que aínda quedan aló. Son poucos, pero están moi organizados.
A asociación Cantaclaro naceu hai catro anos para atender os retornados venezolanos que van chegando a Celanova. Uns 250 nos últimos meses. Fillos e netos de galegos como Andrés, buscando un futuro mellor. Ou como Javier. Toda a súa familia, de catro xeracións, xa volveu. El foi o último. Leva aquí apenas un mes. Este mércores reuníronse ás portas do Concello para reivindicar a volta do país á democracia e á liberdade, pero, sobre todo, para xuntar esforzos e transmitirlles apoio aos seus, aos que aínda quedan aló.