Concentración en Vigo contra o maltrato animal e a violencia machista
Máis de duascentas cincuenta persoas concentráronse en Vigo para denunciar os malos tratos contra os animais e as mulleres. Fixérono indignados pola brutal agresión esta semana a Noa Alonso, que recibiu unha malleira por increpar un mozo que mallaba no seu can.
Coa voz crebada daba as grazas ás persoas participantes. O agresor rompeulle o nariz, unha costela e lesionouna nunha fazula. Durante a protesta, Noa animou a seguir defendendo os animais, xa que eles non teñen voz.
Outra das súas inquedanzas é o estado do can que defendeu. Está preocupada porque levan varios días sen velo. Tamén pediu que se faga xustiza e se endurezan as penas contra o maltrato animal coma noutros países europeos.
A concentración, interrompida en varias ocasións polos aplausos, foi convocada polo colectivo feminista Antiespecista que considera esta agresión un novo caso de violencia machista.