Concellos gobernados polo PP tamén ameazan con acudir á xustiza para reclamar a débeda do Estado
Os concellos poderían abrir unha nova fronte xudicial na reclamación da mensualidade do IVE pendente de 2017.
"Os concellos do PP pensaremos moi seriamente acudir aos tribunais para reclamar o que efectivamente é noso. Estamos falando de 750 millóns de euros que teñen que repartir entre todos os concellos de toda España. Falamos de moitos cartos", aseguraba Jorge Azcón, voceiro do PP na FEMP.
O do IVE é un dos asuntos que entran de cheo na xuntanza da Comisión Nacional de Administración Local. No encontro, as ministras de Facenda e de Política Territorial trasládanlles aos concellos os seus obxectivos de estabilidade orzamentaria.
Os 750 millóns que reclaman os concellos súmanse aos 2.500 que Facenda lles debe ás comunidades autónomas. O Goberno de Aragón anunciou hoxe que tamén recorrerá á vía xudicial para reclamar os 80 millóns que lle corresponden.