CRTVG

Buscar

Concellos do Salnés preparan a colocación dunhas dúas mil trampas contra a 'velutina'

Publicado o 25/04/2019 18:12

A turística zona histórica de Cambados é un dos lugares onde os operarios da mancomunidade do Salnés instalaron as súas trampas contra a velutina. Neste camelio capturaron onte 13 raíñas, trece niños menos para o verán.

O operario da mancomunidade, Isaac Paadín, explícanos como fan: "Nós colocamos unha trampa nunha zona específica, tomamos coordenadas GPS e aos quince días ou así volvemos, miramos se hai 'velutinas' ou non, e se non as hai retiramos a trampa ou cambiamos a localización".

Xa instalaron setecentas e contan con chegar ás dúas mil. As trampas elabóranas artesanalmente, con botellas de plástico e pequenos orificios de entrada. Atraen as avespas cun líquido especial.

"O líquido, cando lle dá o sol, solta un aroma que atrae a 'velutina' pero non a abella común. Unha vez dentro, non consigue saír, como as nécoras do marisco: a nécora entra e non consegue saír e a 'velutina' igual", explica Chema Pedrouzo, operario da Mancomunidade do Salnés.

O trampeo é un servizo máis que a Mancomunidade do Salnés lles ofrece aos concellos que a integran. Responde así a unha demanda que se foi intensificando nos últimos anos, segundo asegura o delegado de Turismo da Mancomunidade, Gonzalo Pita: "Eu creo que a mellor universidade é a necesidade. Igual que as velutinas evolucionan, nós tamén temos que evolucionar na loita. O que conseguimos coas trampas é que nun mes ou mes e medio teñamos que quitar moitos menos niños".

Hai dous anos, o Concello de Cambados retirou, el só, cincocentos niños. Co trampeo, o número de niños reduciuse, din, a 700 nos seis concellos nos que a mancomunidade presta o servizo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/04/2019