CRTVG

Buscar

Concellos do interior de Galicia multiplican a poboación durante o verán

Publicado o 17/08/2021 21:26

Numerosos concellos do interior de Galicia multiplican a súa poboación durante o verán co retorno dos emigrantes, que volven ás aldeas en vacacións, aínda máis en tempos de pandemia. Nalgúns casos chegan a multiplicar por cinco a poboación habitual.

É o caso de San Xoán de Río, cun censo de 500 veciños que chegan a 2.500 en xullo e agosto. Nalgunhas aldeas, como Mouruás, a situación é especialmente visible: pasa de menos de 30 veciños durante o ano a máis de 150 no verán.

As bicicletas rodando polas canellas, balóns rebotando contra as paredes, e o eco das conversas ao fresco devólvenlle a vida a Mouruás. "Xuntámonos amigos de antes, de cando iamos á escola, contamos aventuras e pasámolo ben", sinala un veciño que vive en Barcelona a metade do ano, e a outra metade en Río.

Unha aldea, coma tantas do interior de Galicia, que hai medio século viron marchar a moitos dos seus veciños. Fixeron a vida fóra, pero seguen retornando polo verán.

"Eu nacín nesta casa. Andei coas ovellas moitos anos. Marchei a Barcelona e alí estou", di unha muller.

Regresan acompañados por fillos e netos. Este ano aínda máis ca outros, animados pola calidade da vida no rural en tempos de pandemia.

"Hai que ter coidado igual, pola covid, pero temos máis liberdade ca en Barcelona, non é o mesmo", comenta unha moza.

O incremento de poboación nótase no ambiente da rúa e tamén no consumo, tanto no bar da vila coma no único supermercado do concello.

Itas Fernández, dona do supermercado de Río: "Ademais, este ano eu creo que veu máis xente. A xuventude tirou máis cara ás aldeas".

Ten habido cortes de luz por sobrecarga na rede e tamén falla a cobertura telefónica. A avalancha de visitantes é todo un reto para o concello, pero contémplano como unha oportunidade para ir atraendo poboación.

Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde de Río: "Multiplicamos por 5 a poboación. O lixo e calquera servizo básico é un problema engadido. Pero os tempos de crise son tempos de oportunidades, esta é unha nova oportunidade para o rural".

A situación de Río reprodúcese noutros concellos do interior ourensán, como A Veiga, Vilar de Barrio ou Avión.

Noticias web

17/08/2021