CRTVG

Buscar

Concellos da raia piden compensacións polo peche da fronteira

Publicado o 01/03/2021 16:34

Alcaldes e alcaldesas de municipios lindeiros entre Galicia e Portugal reclaman compensacións polo peche da raia durante a pandemia. En concreto, piden que se inclúan partidas específicas no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza (Poctep) da Unión Europea.

Este luns protagonizaron unha nova protesta na ponte internacional de Tomiño-Vilanova da Cerveira. O director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Río Miño, organismo convocante da mobilización, lamentou que os gobernos de España e Portugal non atenderan as súas peticións para manter abertos os pasos fronteirizos.

Segundo Uxío Benítez, o peche estalles a provocar aos traballadores que cruzan a raia a diario sobrecustes de 200 a 300 euros. Ademais, asegura que o prexuízo económico da pandemia está a ser maior nestes territorios.

Un recente estudo da Universidade de Vigo calcula nos concellos fronteirizos perdas superiores ao resto: un 18 % máis na hostalería e un 14 % máis no comercio.

Benítez lembra que os fondos Poctep naceron co propósito de compensar os municipios lindeiros pero "historicamente, Santiago de Compostela é o municipio que máis partidas recibe".

Tamén a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, denuncia que "en Portugal todo é transfronteirizo menos Lisboa", un asunto que, na súa opinión, "debería revisarse".