CRTVG

Buscar

Con precaución, os deportes náuticos son seguros

Publicado o 30/07/2020 17:34

Non hai máis accidentes nos deportes náuticos ca nos terrestres, pero a auga é un perigo engadido. Non é o mesmo caer dunha bicicleta ao chan que naufragar nun kaiak ou nunha táboa de padelsurf.

Borja Batalla, propietario de Vértigo Aventura e representante da Asociación de Guías de Deportes na Natureza, di que "unha vez que estamos na auga podemos aguantar unha hora, pola temperatura, aínda que saibamos nadar. Entón iso dá lugar a este tipo de accidentes, por inexperiencia e non terlle respecto suficiente ao mar. O problema do kaiak e do pádel é que a xente as compra e as usa coma un xoguete de praia."

En Galicia houbo este ano varios accidentes, o máis tráxico en Noia, onde hai tres semanas desapareceron dous mozos nun kaiak. As condicións atmosféricas foron unha das causas.

"Coincidiron varios factores: a xente saíu toda da casa de repente e con ganas de facer cousas, que houbo vento do nordés, que na franxa atlántica sopra de terra cara ao mar, e coindidiu cuns días de mareas vivas", explica Batalla.

As rías galegas están consideradas seguras, porque están protexidas, pero sempre hai que ter en conta unha serie de medidas de seguridade.

Roberto Romero Fernández, xerente de Wetsports conta que "obrigatoriamente, por lei, con previsión de néboa non podemos alugar, con ventos superiores a un valor tampouco, nin con ondaxe. Na táboa de pádel levas a liña de vida, que vai atada ao pé, e chaleco, e na canoa chaleco salvavidas." 

"O chaleco non é unha recomendación, é obrigatorio", engade Borja Batalla.

Obrigatorio por lei para todos os ocupantes e para todos os deportes náuticos.

Noticias web

30/07/2020