CRTVG

Buscar

Con defensa de cinco, sen dianteiro e con suplentes, así caeu o Celta na Copa

Publicado o 06/12/2018 17:49

Con cinco defensas, sen dianteiro centro, cun equipo pragado de suplentes e nada máis que declarar, señoría. Así se presentou Cardoso en Anoeta e así tardou a Copa en quedar abeirada para o Celta malia avisar cun trallazo seco de Okay tras quedarlle a pelota ao xeito para batela na balconada da área. Era o 'Mcguffin' do partido, porque as cousas importantes comezaron na portería contraria co saque dun córner ao cabo do minuto dez en que os puños de Sergio apartan o coiro ata máis alá da media lúa e Oyarzabal fai o resto. Un clásico prodixioso de parada co peito, acomodo da pelota para a zurda e traxectoria balística para un redondo que ía coma un meteorito contra a rede celeste.

O Real collía o mando e xa non o soltou para seguir traballando un partido que quedou listo para crónica á media hora e con outro gran gol dos donostiarras. Avanzan ata a área tras unha recuparción no medio do campo e Januzaj, xa pisando o quinteiro de Sergio, manobra a cano libre con caneo, recorte e golpeo final para colocar o coiro a mallar na rede.

O Celta intentouno despois con fogonazos puntuais a cargo de Pione Sisto, zapateando a porta con alma; con Emre Mor collendo carreiriña polo costado e afociñando a porta ata quedar pequeno o campo; ou, xa de últimas e co tempo a correr na contra con Aspas no campo buscando unha miragre a balón quieto como único recurso. A eliminatoria xa non estaba para santos e o fútbol e as ganas impuxéronse ao nin fu nin fa de Cardoso en beneficio estrito do Real Sociedade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018