A incidencia medra en Cambados e supera a Vilanova, con peche perimetral, na acumulada a 7 días
Moi pouco ambiente había hoxe na praza de abastos de Cambados. As vendedoras notan o peche de Vilanova e a falta de turistas.
"Un peche perimetral de calquera municipio de aquí cerca nótase moitísimo porque, claro, ao non poder vir a xente...", quéixase Margarita Otero, peixeira.
A situación epidemiolóxica na comarca do Salnés non acaba de coller bo rumbo. Cando mellora nun concello, empeora noutro.
"Si que está subindo outra vez, por iso se está temendo que van volver pecharnos", comenta Rosa Meis, veciña de Cambados.
"Temos os polígonos industriais onde traballan de distintos concellos no mesmo polígono e temos os institutos. Cerrar un porque nese momento ese ten unha incidencia un pouquiño máis alta que outro creo que non ten lóxica, tiña que ser un peche comarcal", opina Celso Mariño, encargado da praza de abastos de Cambados.
Dos 31 novos positivos que hai en Cambados, 19 detectáronse na última semana, o que elevou a súa incidencia a 7 días por riba incluso da de Vilanova de Arousa e do Grove. Un dos gromos apareceu nun barco do cerco.
"Si, escoitei por aquí que chegara un barco coa tripulación e que estaban confinados. Viñan da temporada da cabala, de alá do norte", informa Mirian Devesa, peixeira.
"Nós seriamos partidarios de que isto se pechase durante un mes, que pasase todo e poder abrir tranquilamente e se fixese un verán ben, e que volvesen as cousas á normalidade", apunta Marcos Miniño, camareiro.