O medo aos rebrotes condiciona a chegada da nova normalidade
Cantabria, Euskadi e Cataluña entraron esta noite na chamada nova normalidade. A partir do domingo, xa estarán todas as comunidades. Tamén Madrid, que presenta hoxe o seu plan de restricións. A boa situación epidemiolóxica en España coincide coa preocupación polos brotes. O último obrigou a illar unha pensión de Alxeciras tras a morte dun cliente por covid-19.
Dous días antes de que remate o estado de alarma, catro comunidades están xa na chamada nova normalidade. Desde as doce desta noite, Eukadi abriu as súas fronteiras con Cantabria e restableceu a libre circulación entre os dous territorios. As dúas comunidades lindeiras adiántanse ao resto e súmanse a Galicia para deixar atrás o estado de alarma.
Tamén Cataluña entrou na derradeira fase da desescalada, despois de que o presidente Torra asinara onte un decreto que designa a Generalitat como autoridade competente na regulación do que chamou etapa de recuperación.
No caso da comunidade madrileña, a liberdade a partir do domingo non será total. O Goberno rexional está preparando o decreto que recolle as restriccións a partir do día 21 e que vai presentar nas vindeiras horas. Xa adiantaron que se alcanzará a nova normalidade de forma progresiva, por etapas.
As autoridades sanitarias seguen pedindo que inda que acabe o estado de alarma o domingo se procure non cambiar de provincia ou comunidade autónoma.
Mentres a evolución da pandemia permite adiantar na fase final da desescalada, preocupan os rebrotes que, con todo, segundo Sanidade, de momento, son limitados e controlables, mentres non haxa transmisión comunitaria.
En Alxeciras, dez persoas permanecen confinadas nesta pensión en que vivía o home de 78 anos falecido por coronavirus. Tres deron positivo, dous varóns novos e unha muller de 70 anos.
Preocupación tamén hai en Fuerteventura, tras confirmarse o positivo de 14 dos 40 inmigrantes que chegaran de xeito irregular á illa nunha embarcación.