CRTVG

Buscar

Compromís inclínase por ir ás eleccións con Errejón e non con Iglesias

Publicado o 24/09/2019 08:46

Iñigo Errejón garda silencio desde que se soubo que o seu partido concorrerá as eleccións xerais. Pero a súa aposta xa está recollendo aliados e axitando as confluencias de Podemos. Compromís inclínase por ir con Errejón en caso de que non sexa posible un pacto que inclúa a Podemos e Más Madrid xuntos.

"Establecer un espazo de colaboración coa lista de Más Madrid, co partido de Errejón, tendo ben claro que aquí, en territorio valenciano, é Compromís quen representaría os intereses desa alianza conxunta", dixo Joan Balldoví, de Compromís.

Tamén en Podemos Andalucía xorden voces que apuntan a presentarse cos de Errejón e non cos de Iglesias. Desde Más Madrid din que a súa intención é mobilizar os desencantados e favorecer un goberno de progreso.

"O que pode provocar é que máis xente vai votar convencida e que eses votos sirvan para formar un goberno progresista, dixo Rita Maestre, de Más Madrid.

No PSOE ven esperanzadoras as mensaxes de Errejón. Pablo Iglesias di que non está preocupado pola irrupción do seu ex-socio, pero cre que apoiará a Sánchez a cambio de nada.

"Creo que Pedro Sánchez o deixou claro o outro día, que el preferiría entenderse con Errejón", asegurou Iglesias.

"Esperamos que veñan sumar, porque Podemos non o fixo", apuntou a vicepresidenta do Goberno en funcións.

A candidatura de Más Madrid para as xerais vai ser ratificada en asemblea o mércores. Fontes do partido di que pretenden presentarse en 17 provincias, entre elas na Coruña e Pontevedra.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/09/2019