CRTVG

Buscar

Compostela terá uns fogos do Apóstolo adaptados para evitar aglomeracións

Publicado o 01/06/2020 13:48
Compostela terá uns fogos do Apóstolo adaptados para evitar aglomeracións

Haberá fogos do Apóstolo en Santiago este ano. A pesar da pandemia de coronavirus, o alcalde da capital galega confirmou hoxe que a noite do 24 de xullo Compostela gozará do tradicional espectáculo pirotécnico, aínda que será diferente.

Que os fogos non se ían lanzar desde a praza do Obradoiro era unha decisión xa tomada antes da alerta sanitaria, porque despois da restauración da fachada da Catedral anunciárase a exclusión da praza para preservar tanto a fachada do templo como a do Pazo de Raxoi.

O que avanzou hoxe o rexedor local, Xosé Antón Sánchez Bugallo, é que os fogos se lanzarán desde "múltiples sitios da cidade" para que se poidan gozar "evitando aglomeracións".

Este venres daranse os detalles do espectáculo, que terá como obxectivo "que todos os poidan gozar desde as súas casas e desde as prazas, as rúas e os parques da cidade".