CRTVG

Buscar

Compostela recibe cada vez máis visitantes e prepárase para o verán

Publicado o 08/06/2021 15:01

Carmen dispón no expositor algúns dos pratos que hoxe ofrece no restaurante. E como vén ocorrendo dende hai 45 anos, o cebo fai efecto. Ao outro lado do escaparate un grupo de peregrinos admira os manxares.

"Isto é precisamente para o meu marido, que é un namorado de Galicia, que lle encanta todo isto. Hoxe queremos desfrutar disto, onte foi a parte dura e hoxe vai ser a parte gastronómica que é boa", relata unha peregrina. 

Na restauración volven ao ritmo de traballo intenso despois de meses de incerteza. Carmen Iglesias Grille, propietaria do restaurante A Charca, sotén que "hai chegada de turistas, hai bastante diferenza xa, xa se pode traballar, pero persoalmente eu creo que en xeral estámonos queixando moitos porque temos unha limitación de cabida".

Di Carmen que sobre todo na fin de semana queda xente fóra do restaurante porque a limitación de ocupación non lles permite dar servizo. Nas rúas encontramos eses clientes potenciais, turistas por unha banda.

"Despois do que pasamos, a verdade é que apetecía saír e desconectar. Moi bonito todo, encántame Galicia" afirma unha turista, "Xente moi amable, moita atencion, moi respetuosos, atenden moi ben aos que vimos doutros países, como no meu caso México", relata outro visitante. 

E peregrinos, que encontran neste particular Camiño de 2021 unha experiencia distinta e emocionante.

"Eu son de Valladolid, levo unha semana e a experiencia ben, case mellor agora que non está tan cheo como en épocas anteriores", afirma un camiñante.

"Volvín agora que o abriron de novo e o sentimento é brutal, é emocionante", confesa un home que repite no Camiño. 

A emoción, a ilusión, a esperanza son ao fin os motores que poñen en marcha a maquinaria. Compostela prepárase para o verán.

José Luis Figueiras, xerente dunha cadea de tendas, asegura que "xa hai na xente outro estado de ánimo, xa se ve que a cousa vai empezar a moverse. Nós temos bos pálpitos para xullo e agosto. Pensamos que a xente vai veranear moito por Galicia".

Noticias web

08/06/2021